“Cartas a ningures”, radioteatro

Cartas a ningures é a peza de radioteatro que gravaron un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO no obradoiro de radio realizado con Roberto Casal na Semana Cultural. Este obradoiro é froito dunha enriquecedora colaboración coa OMIX do Concello de Porto do Son, colaboración que nos permitiu contar en varias ocasións co bo facer de Roberto (e de Akira Valero). Unha formación que, dende que formamos parte do programa Radio na Biblio, vén sendo, se cabe, moito máis rendible e enriquecedora.

Neste podcast asistimos a unha relación epistolar, un itercambio de voces: a de Almudena, que escribe dende un “futuro incerto”, a do Planeta, as da avoa e a nai de Almudena, mesmo a da bisavoa… Voces, voces… A Terra enfrontada aos efectos descoñecidos do cambio climático. Son “cartas a ningures”. Ou poderían non selo. Por elas transitan as palabras de Seoane, as reflexións de Jostein Gaarder en A Terra de Annaos versos de Queipo e ese “Punto azul pálido” de Carl Sagan que traduciu Estíbaliz Espinosa.

E transitamos nós. E Antonio Fraguas, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A quen mellor lle podiamos adicar este podcast? Habíalle gustar. De seguro, lembraríalle os tempos en que foi locutor en Unión Radio Galega. Se el vivise hoxe, estaría, coma nós, loitando por un mundo sostible, por esta Terra de noso, por manter o identitario na construción do futuro.

Escoitade a estes mozos e mozas! Fixeron un magnífico traballo!

“Vemos, ouvimos e lemos. Não podemos ignorar”

 

Go to download

Anuncios