Da estrela Rosalía ás mulleres astrónomas

Hoxe, 11 de febreiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado de 3ºD estreamos un programa especial de divulgación científica no mundo das ondas: Da estrela Rosalía ás mulleres astrónomas.

Nesta ocasión, convidámosvos a coñecer a destacadas mulleres astrónomas, que contribuiron ao coñecemento do Universo, estudando fenómenos como eclipses lunares, os ciclos planetarios… e aportando a súa paciente e precisa catalogación de milleiros de estrelas!

Viaxaremos a través das ondas da radio aos inicios da Astronomía na antiga Mesopotamia e Grecia, cando aínda moitos dos fenómenos que observaban eran considerados froito da maxia e a superstición, pero non ciencia. Coñeceremos o inmenso traballo desenvolvido polas astrónomas de Harvard, que enriqueceron os catálogos de estrelas coñecidos ata o momento coas súas observacións, e remataremos cunha astrónoma galega. Queremos celebrar así a recente incorporación da estrela “Rosaliadecastro” á bóveda celeste , pois dende o 2019, grazas a unha proposta da Unión Astronómica Internacional, ao esforzo da Asociación Astronómica Coruñesa Ío, a Fundación Rosalía de Castro e a Asociación cultural Alexandre Bóveda ten un oco no ceo na constelación de Ofiúco, o encantador de serpes. 

Propoñémosvos o reto de localizar a nosa poeta no ceo e convidámosvos a escoitar as nosas pílulas científicas do 11 de Febreiro Día da Muller e a Nena na Ciencia ao 24 de febreiro, Día de Rosalía! 

Ir a descargar