Antonio Fraguas en Onda Perseveira

Mañá, 17 de maio, celebramos as nosas Letras, a nosa identidade. Este ano vimos lembrando e celebrando o labor de Antonio Fraguas, ou Antón Fraguas -el empregaba os dous nomes- e Onda Perseveira non ía ser menos. El facía radio. Nós facemos radio para el. Este é o noso agasallo, o noso recoñecemento.

O alumnado de 2º ESO B, cóntanos del. Dese home que tanto fixo pola nosa cultura e o noso idioma.

Go to download

Anuncios

“Cartas a ningures”, radioteatro

Cartas a ningures é a peza de radioteatro que gravaron un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO no obradoiro de radio realizado con Roberto Casal na Semana Cultural. Este obradoiro é froito dunha enriquecedora colaboración coa OMIX do Concello de Porto do Son, colaboración que nos permitiu contar en varias ocasións co bo facer de Roberto (e de Akira Valero). Unha formación que, dende que formamos parte do programa Radio na Biblio, vén sendo, se cabe, moito máis rendible e enriquecedora.

Neste podcast asistimos a unha relación epistolar, un itercambio de voces: a de Almudena, que escribe dende un “futuro incerto”, a do Planeta, as da avoa e a nai de Almudena, mesmo a da bisavoa… Voces, voces… A Terra enfrontada aos efectos descoñecidos do cambio climático. Son “cartas a ningures”. Ou poderían non selo. Por elas transitan as palabras de Seoane, as reflexións de Jostein Gaarder en A Terra de Annaos versos de Queipo e ese “Punto azul pálido” de Carl Sagan que traduciu Estíbaliz Espinosa.

E transitamos nós. E Antonio Fraguas, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A quen mellor lle podiamos adicar este podcast? Habíalle gustar. De seguro, lembraríalle os tempos en que foi locutor en Unión Radio Galega. Se el vivise hoxe, estaría, coma nós, loitando por un mundo sostible, por esta Terra de noso, por manter o identitario na construción do futuro.

Escoitade a estes mozos e mozas! Fixeron un magnífico traballo!

“Vemos, ouvimos e lemos. Não podemos ignorar”

 

Go to download

MARÍA VITORIA MORENO VISITA ONDA PERSEVEIRA!!

O mes de maio, co Día das Letras Galegas como marco,  foi un mes de lectura e traballo sobre Anagnórise para o alumnado de 3º ESO. Lemos a obra, asistimos á representación teatral de Limiar Teatro, puidemos saber máis da súa vida e a súa obra pola exposición da biblioteca e, en 3º ESO A e B, realizaron guións de radio a partir dunha tarefa de aula. As aulas son numerosas e os tempos limitados cara a final de curso. Pero por fin, nesta última semana de curso puidemos gravar un dos programas. Foi unha primeira experiencia para Érika, María, Iria e Alén. Por alí estiveron tamén Clara, Rita e Martín. Deu para unhas boas risas!!!

Pois aí vai! En primicia para todos vós, entrevista a María Vitoria Moreno e os personaxes principais da súa obra, Nicolau Arís e Xulia Andrade que este luns visitaron Onda Perseveira!

Go to download

16 de maio: “Ouigha con Castelao e compañía”

Tirando bo proveito do apoio do Concello e, en especial, da Concellaría de Xuventude, un grupo de alumnas e alumnos do noso participaron, na Semana Cultural sobre a Comunicación, nun obradoiro de radioteatro con Roberto Casal e Akira Valero, excelentes animadores do teatro, da palabra, da cultura…

  

E hai uns días chegounos, fresca e divertida, a gravación da peza que montaron: Ouigha con Castelao e compañía. Sabemos que é un bo plan para estas datas, co 17 de maio a caer! Ademais, podes escoitala no móbil!

A que agardades? Non todos os días un profesor algo tolo propón unha Ouigha con Castelao! Escoitastes ben, unha OUIGHA! Que si, como a de Sechu Sende en Made in Galiza. E non só con Castelao, porque eles tamén descagaron unha app… Vaia, xa vos dirán, pero o conto é que atoparon o rianxeiro en boa compaña! Ha de ser co gallo do Día das Letras… Fanche un bo xuntoiro! O máis alá non sabe de xeracións literarias e andrómenas, e moito menos de discriminación por xénero. Aí che andan con el Rosalía, Lois Pereiro, Cunqueiro e, como non, María Vitoria Moreno, que este ano ánda ben fachendosa. Non é para menos, dá xenio oila falar: “a pronunciación melódica”, “o abraio das verbas como un aloumiño para os ouvidos”. Viría de fóra, mais deixouse namorar pola nosa terra e pola nosa fala.

E nestes días precisamos crer.

Crer nos espíritos “bos e xenerosos”, crer nun futuro para a lingua galega, mesmo crer nunha app que faga posibles para ela “mil primaveras”!

 

Parabéns para Uxía, Samuel, Indira, María, Raquel, Carlos, Candela, Claudia, Joel, Martín, Adrián e Lucas!!!

Xa, xa… podedes escoitala descargando o podcast dende a canle Onda Perseveira en Ivoox ou aquí:

Go to download