“Cartas a ningures” na radio municipal

Onte o alumnado que participou no obradoiro de radioteatro impartido por Roberto Casal na Semana Cultural estivo na radio municipal. Publicaron a peza “Carta a ningures” e entrevistáronos. Explicaron o proceso de gravación da peza, o aprenderon no obradoiro, do interesante que foi para eles e do moito que lles gusta a radio. Logo, explicáronnos como é o equipo que teñen, que ferramentas usan… Ata nos convidaron a ir gravar algún programa de entrevistas a personaxes locais. Por suposto, aceptamos o convite! Se o tempo non dá para este curso, aí estaremos o ano que vén!

En canto nos pasen o podcast, publicámolo!

Anuncios

“Cartas a ningures”, radioteatro

Cartas a ningures é a peza de radioteatro que gravaron un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO no obradoiro de radio realizado con Roberto Casal na Semana Cultural. Este obradoiro é froito dunha enriquecedora colaboración coa OMIX do Concello de Porto do Son, colaboración que nos permitiu contar en varias ocasións co bo facer de Roberto (e de Akira Valero). Unha formación que, dende que formamos parte do programa Radio na Biblio, vén sendo, se cabe, moito máis rendible e enriquecedora.

Neste podcast asistimos a unha relación epistolar, un itercambio de voces: a de Almudena, que escribe dende un “futuro incerto”, a do Planeta, as da avoa e a nai de Almudena, mesmo a da bisavoa… Voces, voces… A Terra enfrontada aos efectos descoñecidos do cambio climático. Son “cartas a ningures”. Ou poderían non selo. Por elas transitan as palabras de Seoane, as reflexións de Jostein Gaarder en A Terra de Annaos versos de Queipo e ese “Punto azul pálido” de Carl Sagan que traduciu Estíbaliz Espinosa.

E transitamos nós. E Antonio Fraguas, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A quen mellor lle podiamos adicar este podcast? Habíalle gustar. De seguro, lembraríalle os tempos en que foi locutor en Unión Radio Galega. Se el vivise hoxe, estaría, coma nós, loitando por un mundo sostible, por esta Terra de noso, por manter o identitario na construción do futuro.

Escoitade a estes mozos e mozas! Fixeron un magnífico traballo!

“Vemos, ouvimos e lemos. Não podemos ignorar”

 

Go to download

16 de maio: “Ouigha con Castelao e compañía”

Tirando bo proveito do apoio do Concello e, en especial, da Concellaría de Xuventude, un grupo de alumnas e alumnos do noso participaron, na Semana Cultural sobre a Comunicación, nun obradoiro de radioteatro con Roberto Casal e Akira Valero, excelentes animadores do teatro, da palabra, da cultura…

  

E hai uns días chegounos, fresca e divertida, a gravación da peza que montaron: Ouigha con Castelao e compañía. Sabemos que é un bo plan para estas datas, co 17 de maio a caer! Ademais, podes escoitala no móbil!

A que agardades? Non todos os días un profesor algo tolo propón unha Ouigha con Castelao! Escoitastes ben, unha OUIGHA! Que si, como a de Sechu Sende en Made in Galiza. E non só con Castelao, porque eles tamén descagaron unha app… Vaia, xa vos dirán, pero o conto é que atoparon o rianxeiro en boa compaña! Ha de ser co gallo do Día das Letras… Fanche un bo xuntoiro! O máis alá non sabe de xeracións literarias e andrómenas, e moito menos de discriminación por xénero. Aí che andan con el Rosalía, Lois Pereiro, Cunqueiro e, como non, María Vitoria Moreno, que este ano ánda ben fachendosa. Non é para menos, dá xenio oila falar: “a pronunciación melódica”, “o abraio das verbas como un aloumiño para os ouvidos”. Viría de fóra, mais deixouse namorar pola nosa terra e pola nosa fala.

E nestes días precisamos crer.

Crer nos espíritos “bos e xenerosos”, crer nun futuro para a lingua galega, mesmo crer nunha app que faga posibles para ela “mil primaveras”!

 

Parabéns para Uxía, Samuel, Indira, María, Raquel, Carlos, Candela, Claudia, Joel, Martín, Adrián e Lucas!!!

Xa, xa… podedes escoitala descargando o podcast dende a canle Onda Perseveira en Ivoox ou aquí:

Go to download

Radioteatro!!!

Alá polo mes de outubro iamos dando pasiños no tema interdisciplinar, A COMUNICACIÓN. Ánxela Doval, compañeira de equipo de biblioteca e responsable da materia de Artes Escénicas e o grupo de teatro do centro, recolleu para nós, no blog de biblioteca, esta interesante actividade que puideron disfrutar os nosos alumnos e alumnas grazas á colaboración coa área de Xuventude do Concello:
“Unha vez máis a compañía de teatro Fanfarra de soños estivo no centro para gravar un fragmento de radio teatro. Akira e Rober, os compoñentes da compañía, fixeron que os nove mozos e mozas do grupo de Artes Escénicas viviran unha aventura irrepetible. Foron días de traballo intenso para conseguir crear un relato de medo entre todos. O resultado, Unha noite de Samaín, poderédelo escoitar dentro de moi poucos días na radio do Son. María, Berni, Soraya, Iria, Sergio, Andrea, Sara, Loreto e Érika xa están dicindo: queremos máis!”

dav

dav

Radioteatro

Podedes escolitalo aquí:

Go to download

Logo tivemos a nosa propia radio, pero antes, dende a Radio Municipal de Porto do Son convidaron o alumnado de Artes Escénicas para que explicasen o proceso de creación e gravación do relato Unha noite de Samaín. Foi toda unha experiencia coñecer unha radio por dentro e contestar a todas as preguntas que lles fixeron. Seguiamos a traballar no tema interdisciplinar da COMUNICACIÓN!!

visita a radio 2

 

Esta foi a entrevista que lles fixeron: